|
Importancia
do soporte óseo nos maxilares para a súa rehabilitación
con implantes
No
mundo moderno cada vez máis coídase a saúde.
A saúde bucodental para a poboación en xeral
é un apartado moi importante que inflúe na calidade
de vida. Hoxe os doentes somos moi esixentes co coidado das
nosas bocas. Cada vez máis, cando hai perda de pezas
dentarias, solicítase a súa rehabilitación
con próteses fixas que sexan funcionais e estéticas.
As clásicas próteses removibles xa case ninguén
quere levalas pola súa incomodidade e por ser moitas
veces antiestéticas.
En
moitas ocasións cando procedemos a rehabilitar unha
boca atopámonos con verdadeiros problemas por falta
de
óso axeitado. Os ósos dos maxilares son os "alicerces"
que nos van a permitir construir a casa enriba.
Cando
facemos o estudio do caso temos que analizar distintos parámetros
tales como a oclusión (o xeito de morder), o estado
das enxivas (saber se hai ou non enfermidade periodontal),
valorar retraccións, etc. Unha vez estudiadas todas
estas variables coas súas probas complementarias correspondentes
(estudios radiográficos, etc.) hai que facer o enfoque
terapéutico axeitado.
Moitas
veces un caso aparentemente sinxelo pode converterse nun caso
complexo simplemente porque pode faltar un pouco de óso
debaixo da enxiva. Supoñamos un doente que perde un
dente central superior por un golpe, se a táboa ósea
externa se fractura, cousa que é moi frecuente, e ensina
esa zona ó sorrir non podemos colocar directamente
un implante, neste caso antes de insertar o implante ou no
mesmo acto teremos que facer rexeración
ósea desa zona e manexar os texidos brandos axeitadamente
para cubrir os defectos existentes.
É
común tamén que nos sectores posteriores do
maxilar superior os senos paranasais (cavidades ocas
que están a ambos lados do nariz) baixen moito, case
ata o borde do maxilar co cal non nos queda altura ósea
axeitada para colocar os implantes, pois ben, aquí
haberá que gañar óso en altura a ese
nivel facendo unha elevación do seno maxilar (sinus
lift), técnica xa bastante
rutinaria.
Por
suposto, a enfermidade periodontal
crónica do adulto (piorrea) é a principal
causa de perda ósea arredor dos dentes. En ocasións
a atrofia ósea é tal que pode ser moi difícil
unha rehabilitación con implantes sen facer inxertos
óseos en bloques previos.
|