Halitose: Recomendacións para evitar o mal alento

Halitose, causas e recomendacións para evitar o mal alento:

A halitose, mal alento ou mal olor oral son todos sinónimos dunha mesma condición.

A halitose é unha condición común que afecta a un 25% da poboación xeral. Ten unha gran repercusión social. Á maioría dos pacientes cáusalles vergoña e afecta á súa vida cotiá.

A halitose pode ter múltiples causas, sendo as de orixe intraoral as máis comúns. En preto do 85% de todos os casos de halitose o problema encóntrase na boca, sendo a xenxivite, a periodontite e a lingua saburral(acúmulo de substancia esbrancuxada no dorso da lingua) as principais causas.

As persoas cunhas enxivas sas tamén poden padecer halitose, esta é causada por impactación de comida, bacterias, glóbulos brancos e células epiteliais escamadas que se acumulan principalmente no dorso da lingua.

A lingua posúe a maior cantidade de carga bacteriana que calquera tecido oral e fai a maior contribución ao número total de bacterias presentes na saliva. O dorso da lingua é o principal sitio onde se producen os compoñentes que provocan o mal olor.

A degradación microbial na cavidade oral é a principal causa do mal olor. Debido a ese proceso, fórmanse compostos volátiles de xofre. Estes compostos son producidos principalmente por bacterias anaerobias presentes na boca. A maioría destes microorganismos presentes na halitose están relacionados coa periodontite.

Unha pobre hixiene oral, presenza de placa, carie, acumulación e putrefacción de restos de comida e próteses mal higienizadascontribúen a esta degradación microbial e polo tanto ao mal alento.

A periimplantitis (infección dun implante), pericoronaritis (típica infección ao redor dunha moa do xuízo), ulceracións orais recorrentes, e a xenxivite herpética están tamén descritos como causantes do mal alento.

Outra das posibles causas da halitose é a xerostomia ou boca seca. Ten múltiples causas como poden ser enfermidades sistémicas (Síndrome de Sjogren, Diabete...) ou por efecto secundario de moitos medicamentos como antihipertensivos ou antidepresivos. Estes pacientes normalmente posúen un maior volume de placa nos dentes e na lingua, o cal provoca mal olor. Isto é debido á falta de saliva e polo tanto á falta da súa actividade antimicrobiana. Esta condición á súa vez aumenta a frecuencia de carie. 

Só o 10% das causas de halitose son de causa extraoral como poden ser a sinusite, obstrución nasal ou problemas nasofarínxeos. É moi importante saber que as halitoses de causa extraoral poden ser o signo dunha enfermidade sistémica subxacente. Polo tanto podería ser necesario nestes casos organizar consultas con outros especialistas médicos para poder tratalo.

En contra do que moita xente cree, en menos do 0,5% dos casos a halitose é producida por problemas de estómago.

O mal alento matinal:

Non é halitose propiamente dita senón que é un estado fisiolóxico temporal. Isto é debido á diminución de produción de saliva durante a noite, o cal aumenta a formación de bacterias anaerobias causando o típico mal alento matinal. O problema desaparece en canto se procede ás medidas de hixiene rutineiras.

Tratamento e recomendacións:

Os dentistas e periodoncistas son os primeiros profesionais en detectar e abordar este problema, xa que os propios individuos normalmente non detectan o seu propio mal alento, sendo comunmente advertido por familiares, parella ou amigos.

En maioría dos casos a halitose pode ser tratada mantendo unha correcta hixiene dental e lingual (mediante o uso de raspadores linguais) e co uso de enxaugaduras bucais antisépticas como a clorhexidina. A clorhexidina é o produto máis eficaz contra a placa. Os dentífricos, que conteñen fluoruros, cinc ou triclosán parecen tamén ter un efecto beneficioso na redución do mal olor oral durante un período de tempo limitado.

  • Deberá cepillar os dentes tres veces ao día: recén levantado pola mañá, despois da comida do mediodía, e inmediatamente antes de deitarse pola noite.
  • Tras a hixiene dental, deberá cepillar, co cepillo sen pasta de dentes, tamén as meixelas e a lingua, procurando chegar nesta o máis cara a atrás posible. Esta operación pódese realizar máis doadamente usando en vez do cepillo un limpador ou raspador lingual (de venda en calquera farmacia).
  • En caso de comer fose de casa, deberá realizar a limpeza tal e como se indicou en canto teña posibilidade de facelo. Se non hai máis remedio pódese, excepcionalmente, prescindir da limpeza do mediodía, pero de ningún modo deben deixar de practicarse a matinal e a nocturna.
  • Debe evitar ter a boca seca. Se se ten tendencia ocasional á sequidade de boca, pódese corrixir mastigando unha goma de mascar dental sen azucre.
  • Tamén é conveniente practicarse unha limpeza bucal profesional cada seis meses aproximadamente.

RECOMÉNDASE VISITAR O SEU PERIODONCISTA PARA REVISIÓN E EVENTUAL TRATAMENTO.